Thursday 16 de May de 2024

O concello de Ribeira estuda a ubicación definitiva do mercadillo deste sábado, que estará limitado a produtos agroalimentarios


Logo de que a Xunta de Galicia autorizase a reapertura a partir de hoxe dos mercados agroalimentarios de proximidade ao aire libre, a Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 acordou na súa reunión desta mañá que se estude tanto a ubicación definitiva do mercadillo deste sábado como a forma en que se desenvolverá, e sempre restrinxido a este tipo de produtos agrogandeiros e hortícolas.

A este respecto, cómpre lembrar que o pasado 24 de marzo a Xunta xa establecera unha serie de medidas para cando puideran reabrir este tipo de mercados, medidas que foron tomadas seguindo o modelo adoptado polo Concello de Ribeira no seu mercadillo antes de que se implantase á prohibición temporal deste tipo de modelos de venda.

Noutra orde de cousas, ante o gran número de veciños que dende o pasado sábado 2 de maio están a saír ao aire libre nos horarios permitidos, sobre todo en zonas próximas ao mar, acordouse prohibir provisionalmente que en certos paseos (como por exemplo as pasarelas da Catía) se poida circular en bicicleta, tanto por razóns de seguridade física como para que se poida dar o adecuado ‘distanciamento social’. Así será convenientemente sinalizado.

Hai que informar tamén de que Policía Local procedeu no último día a formalizar unha denuncia e 8 requirimentos por vulneración do confinamento.